Quizais coñezas a Cris Iglesias por Serramoura ou Pazo de Familia (TVG), ou polo seu papel en Eroski Paraíso onde interpreta a unha cineasta moza que quere filmar un documental sobre os seus pais. Tamén por Auga Seca, ou Fariña, na que interpreta a Leticia Charlín, ou na serie Valeria de Netflix. Próximamente poderemos vela na película TRES.
En 5 anos profesionais, esta actriz galega conseguiu diversas oportunidades para continuar coa súa paixón, o espectáculo. Dende pequena facía teatro e acudía o conservatorio de música, tamén se formou en diferentes estilos da danza por iso fai o bacharelato en Artes escénicas, e decídese pola carreira de Arte Dramática onde atopa un novo mundo despois de estar tan vinculada co clásico.
Sobre todo isto e outros temas conversa coa nosa compañeira Leticia Río.
Leticia Río – Ser artista é unha forma de vida para ti. Que destacarías?
Cris Iglesias – Totalmente. Destaco a conexión da vida coa propia arte ou máis ben da arte coa vida. Tendo en conta que como intérprete eu son o meu propio instrumento de traballo, todo o que me sucede a nivel vital repercute para ben ou para mal na creación artística. Para min, é moi importante todo o que me rodea no tocante aos coidados, a familia, as amizades, ao amor… A nosa profesión é inestable, dura, as veces difícil de comprender e cos anos fun tomando consciencia da importancia de ter unha rede forte e sólida para non perderse. Ademais, dun tempo a esta parte, por consciencia propia gústame reivindicar a saúde mental como base do noso oficio. A miña e a da xente que me rodea e coa que comparto. Creo que igual que afinei e coidei durante anos os instrumentos de percusión que tocaba agora creo fundamental a terapia e os cuidados psicolóxicos como espazo seguro de adestramento onde protexer este instrumento que son eu e entender e construír dende un lugar san.
Todo o que me sucede a nivel vital repercute para ben ou para mal na creación artística.
L.R. Nesa forma de vida tes claro que o feminismo xoga un papel importante na túa carreira profesional, facendo un activismo social e deixando clara a túa implicación. Unha oportunidade profesional para vincular a túa paixón e esta defensa da igualdade, é o teu papel en 16 de decembro
C.I – Si, non só por unha posible repercusión en calquera persoa que lle dea unha mínima importancia as miñas palabras por esta pequena oportunidade de ter voz que se nos da as actrices (ás veces). Senón porque precisamente seguindo a idea de ser o meu propio instrumento de traballo non podo nin quero desvincular o que penso e sinto como persoa do feito artístico. Gústame moito citar a Mercedes Peón sempre por ser case que a miña primeira referente feminista dende ben pequeniña. De Mercedes aprendín a idea de que somos corpos políticos. Eu, que cada vez me atrevo un pouquiño máis a explotar as disciplinas nas que me formei creo que non existe unha arte exenta de discurso, de profundidade e sobre todo de compromiso. E para min, este último parte dunha absoluta necesidade persoal por loitar por un mundo feminista.
L.R – Dicíasme ao longo da nosa conversa que o teatro é un espazo de creación e entretemento co que disfrutas moito. Un exemplo claro e a representación teatral de Fariña na que se mezclan o teatro, a música e o baile. Todo o que sabes facer nun só espectáculo. Que significa esta oportunidade?
C.I – Para min Fariña desde o inicio significou moitas cousas. Dun lado, volver descodificar unha historia pasando dun formato a outro como fixemos con Eroski Paraíso (do teatro ao cine) e aquí da televisión ao teatro. É un exercicio brutal. Doutro, traballar con xente que admiro e que son amigxs. E por último, quitarlle o po as baquetas depois de varios anos e volver a ser percusionista tocando o que máis me gusta, a batería. Débolle moito ao meu profesor, o batería Coruñés Miguel Cabana. Traballamos antes e durante a creación do espectáculo. A súa confianza foi fundamental para entender e enfocar a música desde outro lugar ao que eu viña acostumada e que non me funcionaba. Sigo formándome e traballando tanto na música coma no baile. E si, adoro que o teatro sexa o espectáculo total. Gozo coma unha nena.
L.R – Chévere xoga tamén un papel importante para dar un salto ao nivel nacional para a túa traxectoria, despois de ser parte do audiovisual galego. Como describirías esa experiencia?
C.I – Falar de Chévere é falar de familia e tamén duns inicios que rememoro cun amor moi especial, que é o que sinto por esa tropa. Aínda hoxe teño continuas revelacións para co traballo e coa vida nas que me dou conta de todo o que aprendín. Iniciarme con 21 anos no mundo profesional con Chévere foi o mellor que me puido pasar. Penso moitas veces na importancia de non esquecer os seus valores e a súa forma comprometida de traballar. Conéctame coa esencia da que non me quero perder. Tiven a oportunidade de facer bolos, e bolos, e bolos… iso dá unhas táboas incríbles. Se a iso lle sumo estar ao lado dos máis grandes… Chévere é unha escola da que toda persoa nova que se queira dedicar a isto debería aprender. Puxéronmo moi fácil, respectáronme, aprendéronme sen pretensións. Sempre estarei agradecida.
Chévere é unha escola da que toda persoa nova que se queira dedicar a isto debería aprender
L.R – A formación ten un papel importante no teu desenvolvemento tanto a nivel persoal como profesional. Insistías ao longo da nosa conversa na reciclaxe. Cal é a última formación que fixeches ou que tes pensar facer proximamente e por que?
C.I – Si, é vital. Para perderse, encontrarse e volverse a perder. Para traballar desde outros lugares e para non perder a ilusión. A miña última formación recentemente foi un obradoiro de interpretación con xente non profesional dirixido por Victor Duplá e María Vázquez no festival Sacra Experience da Ribeira Sacra, un lugar máxico e unha experiencia de teatro comunitario que me revelou e confirmou a importancia de buscar outros espazos de investigación. Proximamente estarei nunha residencia artística para a creación dun espectáculo. Non hai mellor lugar de aprendizaxe pero en canto pare, continuarei investigando.
L.R – Por último, que consello lle darías a quen queira iniciarse no mundo da interpretación? Que che tería gustado escoitar cando ti estabas comenzando?
C.I – Se miro atrás, teño moi bos recordos nestes últimos cinco anos profesionais polas experiencias vividas e pola xente coa que compartín e comparto que é do que máis aprendo: das miñas compañeiras e compañeiros, sen dúbida. Pero as veces penso na importancia de saber valorar o que nos dá cada momento e como di o meu amigo Victor Duplá de “traballar co que temos”. Cando empecei, traballaba por intuición porque sentía que non sabía nada. Agora que sei só un pouco máis penso no valor daquela inocencia, dese deixarse levar e dese medo que se torna en confianza inconscientemente. Que bonito!! Paréceme esencial confiar no que dan os inicios. De todo, en xeral. É a maneira de crecer e tirar para adiante. A vida xa se encarga de ir colocando todo e de explicarcho. Asi o sinto eu. Todo iso que experimentei ao principio asustaba (e moito) pero son as bases do que será esta forma de vida na que a novidade, o medo e a incertidume están sempre presentes pero a ilusión por esta paixón pode con todo.
Pero as veces penso na importancia de saber valorar o que nos dá cada momento e como di o meu amigo Victor Duplá de “traballar co que temos”