Atalaya Comunicación é unha axencia galega de comunicación asentada en Lugo con 6 anos de andadura. Están detrás das estratexias comunicativas de empresas locais, galegas e nacionais, coma a Universidade de Santiago, dinahosting ou Agroamb. A colaboración, a proximidade e o compromiso son os principais alicerces de Atalaya. Malia a ser un equipo reducido de 8 persoas, sacan adiante un blog, unha newsletter e un podcast con consellos e contidos de moito valor para a comunidade.
Falamos con Pablo Vázquez, o seu fundador. Un experto en comunicación, no marketing de contidos e docente en varios centros.
Lucía González. Atalaya é unha axencia de comunicación con base en Lugo, como decide Pablo Vázquez emprender? E por que Atalaya?
Pablo Vázquez. Na miña decisión de emprender pesaron tanto o factor romántico coma o pragmático. O romántico no sentido de que creo nas posibilidades da nosa xente e da nosa terra, e por iso quería comezar algo que me permitise non ter que marchar de Lugo e, se o día de mañá podía incorporar a máis xente por esa mesma razón, pois xenial.
E o pragmático porque logo de sete anos e medio traballando por conta allea nun departamento de comunicación dunha institución e tamén en distintos medios, crin que era o momento de impulsar un proxecto que me permitira conciliar mellor a miña vida profesional no eido da comunicación coa miña labor docente como profesor asociado da USC, que veño desenvolvendo dende 2015, e tamén coa que exercía en Cesuga, onde, ademais de ser profesor durante tres cursos académicos, fun director do grao de Publicidade e Relacións Públicas entre xaneiro e xullo de 2020.
Ao escoller o nome de Atalaya quería reflectir un estilo de comunicación baseado en dous piares: o apuntalamento e a fortaleza que evoca por definición esa torre de defensa (o propio significado da palabra ‘atalaya’) e tamén a aplicación dunha ollada sobre o horizonte, cunha especie de estratexia que mira ao medio e o longo prazo.
L.G. O labor de Atalaya vai máis aló da cidade da muralla. Cal é o voso sinal de identidade? E os vosos valores?
P.V. É certo que neste momento traballamos con varias multinacionais e tamén con empresas de ámbito nacional e que, por suposto, calquera delas teñen unhas necesidades particulares. Porén, gústanos aplicar o mesmo grao de compromiso e de autoesixencia có que temos coas PEMEs coas que tamén traballamos.
Diría que o vector fundamental do noso posicionamento é o acompañamento do cliente, que facemos de xeito proactivo e sempre intentando rendibilizar ao máximo o investimento que fai en comunicación en termos de reputación e de coñecemento de marca. Isto está moi ligado co que diría que é un dos nosos principais valores, que é o compromiso cos proxectos que temos entre mans.
Isto únese a un traballo forte de coidado e autocoidado do equipo, que é o piar fundamental das nosas accións.
PABLO VÁZQUEZ
LG. Falando dos valores, son esenciais para facer equipo, como é o equipo de Atalaya? En que vos fixades á hora de contratar a un novo talento?
P.V. Hoxe temos un equipo integrado por oito persoas a tempo completo no que convivimos profesionais do xornalismo, da publicidade, da comunicación audiovisual e do deseño gráfico. Para nós é primordial cultivar a relación entre os membros do equipo, que teletraballan tres días á semana, xa que iso é o que nos fai fluír como proxecto, á marxe do talento individual. Por iso, os martes sempre traballamos todos xuntos de xeito presencial e adoitamos aproveitar esa xornada para avanzar nas dinámicas de comunicación da propia marca, como son o podcast, a newsletter ou a creación de contidos para o blog, entre outras accións que desenvolvemos dende un equipo tan pequeno.
Con respecto á cualidade que máis valoramos, coido que é a actitude. Seguramente as persoas que están no noso equipo non teñan os expedientes máis brillantes das súas promocións de grao ou de mestrado, pero si encaixan á perfección no traballo en equipo. Por iso, máis cós talentos individuais -que por suposto son importantes- cremos nesa engranaxe de pezas que supón sempre o traballo en comunicación.
L.G. O ano pasado fúchedes nominados a un Premio Paraugas, cales son os traballos dos que sentides máis orgullo? E non vale dicir que todos hahaha
P.V. O certo é que despois de máis de 120 proxectos nestes seis anos, resulta moi complicado quedarse cun único traballo, máis aínda cando entre eses clientes hai, ademais de multinacionais coas que temos subscritas cláusulas de confidencialidade que nos impiden mesmo indicar quen son, entidades de referencia coma Agroamb, dinahosting ou a Universidade de Santiago de Compostela, por citar só algunhas.
Dito isto, hai dous proxectos de comunicación que si me gusta destacar. O primeiro deles, implicarnos de cheo na elaboración dun manual de prevención de suicidios, que desenvolvemos da man da empresa funeraria Serfuja, na provincia española na que máis impacto teñen estas mortes autoprovocadas. Foi unha aposta moi valente deste cliente, un dos primeiros que tivo Atalaya Comunicación, e chegou mesmo á Casa Real.
O segundo, a xestión da comunicación da Business Factory Aero, a aceleradora aeronáutica que ten en marcha a Xunta de Galicia e que centraliza as súas operacións no aeródromo de Rozas (Castro de Rei, o municipio onde eu nacín). Máis alá desta conexión emocional, coido que é un desafío moi importante para a axencia pola especialización do sector que supón. Ademais, á Fundación CEL, a entidade que xestiona o proxecto, tamén lle demos soporte comunicativo este ano cando conseguiron ser, por segundo ano consecutivo, o mellor viveiro de empresas de toda España de acordo co Informe Funcas.
E, por suposto, esa xestión da comunicación da propia marca de Atalaya, que moitas veces nos custa tanto ás axencias. Sempre nos gusta dicir aquilo de que nós aplicamos o de ‘na casa do ferreiro, coitelo de ferro’ para reflectir o compromiso que temos de comunicación a nivel interno (dinámicas de equipo, implicación de todo o persoal, etc.) como externo (podcast, newsletter, blog, redes sociais activas…). Este ano mesmo organizamos a primeira ProAm (partido entre profesionais e amateurs) de voleibol dun equipo español xunto ao Emevé e a Arenal.
Sempre nos gusta dicir aquilo de que nós aplicamos o de ‘na casa do ferreiro, coitelo de ferro’ para reflectir o compromiso que temos de comunicación a nivel interno
PABLO VÁZQUEZ
L.G. Pablo, ti es experto en comunicación política e nuns meses temos eleccións galegas, como valoras a preparación e o inicio de campaña dos principais candidatos?
P.V. Dende o punto de vista da comunicación, coido que en Galicia temos moi bos políticos. En concreto, tanto o líder do PPdeG coma a do BNG teñen un discurso marcado e un relato ben definido no que intentan anclar as distintas mensaxes que van trasladando á cidadanía. En ambos os dous casos teñen un bo dominio das distintas esferas e plataformas nas que se pode xogar o resultado electoral.
Coido que o seu discurso pode funcionar ben para a cidadanía galega e sábeno asentar e adaptar ben a distintos formatos. Vémolo, por exemplo, na participación que tivo Alfonso Rueda no Land Rober para procurar esa humanización e esa personalización que tanto levamos vendo na política española desta última década; ou nese #CódigoAna que impulsa Ana Pontón buscando esa identificación con líderes e referentes de diversos sectores.
L.G. Que importancia xoga a comunicación, tanto verbal como non verbal, nunhas eleccións? Móllate, cales son os políticos, galegos e non galegos, que mellor comunican?
P.V. Non creo que debamos identificar política ou resultado electoral exclusivamente coa comunicación, pero si que é certo que esta última xoga un factor esencial na activación das emocións. A elección do lema da campaña ou das fotografías da persoa candidata non é algo que se deixe á vaiche boa, que diríamos en Galicia. Son só dúas cuestións que avalan a importancia da comunicación… e se podo engadir unha terceira, o propio funcionamento da chamada campaña permanente. Isto é, unhas eleccións comezan ao día seguinte de rematar as anteriores. Por iso é tan importante a construción do relato, que precisa de ser repetido e consumido no tempo ata que acabe callando no conxunto da poboación, no que se coñece como principio de repetición de impactos.
En canto aos políticos e políticas que mellor comunican, eu prefiro pensar naqueles e naquelas que teñen un selo propio e que teñen un posicionamento moi ben definido, tanto pola propia construción que eles e elas fixeron coma o que as súas persoas adversarias fixeron deles tamén. A este respecto, voulle dar tres exemplos de tres partidos en diferentes ámbitos: é incuestionable a destreza que amosan na súa comunicación Abel Caballero (PSOE), Isabel Díaz Ayuso (PP) ou Ana Pontón (BNG). Son tres estilos que non teñen nada que ver entre si pero que si reflicten esa pegada da que falabamos anteriormente.
L.G. Cal é o valor dunha axencia de comunicación local?
P.V. Os clientes que recorren a nós moitas veces fano por ese factor de proximidade, ben porque son empresas que desenvolven a súa actividade en Lugo ou a súa contorna e queren que ese apoio veña de alguén moi próximo, que as vai entender ben; ou porque, no caso das multinacionais, achegamos unha ollada propia dende o mercado que pretenden impulsar.
Ademais, no que ten que ver especificamente coa acción cos medios de comunicación, as relacións persoais son un factor moi importante que nós intentamos coidar cos principais grupos galegos, sendo conscientes de que son un actor imprescindible para o noso éxito como axencia.