Galicia Calidade confórmana 149 empresas galegas que venden todo tipo de produtos e servizos, dende viño e alimentación ata artesanía, xoiaría e restauración. O selo creouse en 1995, hai xa 27 anos, e é toda unha referencia para os consumidores, ao identificar a orixe dos produtos, a calidade, o talento e a creatividade cos que foron elaborados dende Galicia. Pero Galicia Calidade é moito máis!
Para coñecer todo o que están a realizar, falamos co seu Director de Comunicación, Iván Fernández:
Lucía González – Dende 1995 existe o selo Galicia Calidade, aí é nada. Como valorades o camiño percorrido durante todo este tempo?
Iván Fernández – Galicia Calidade, dende o meu punto de vista, é probablemente a mellor marca que se creou en Galicia na historia, dúas palabras xa introducidas no ideario colectivo dos galegos e tamén do resto do mundo para referirse a Galicia. E máis, a marca foi superada polo slogan, en redes sociais son continuos os hashtags, mención e sempre referidos a algo positivo. Como marca de garantía levamos un percorrido sempre ascendente, tanto en número de produtos e servizos amparados, das mellores empresas galegas, como de sectores representados.
E queremos seguir medrando, e servindo aos empresariado galego para vender, máis, mellor e se pode ser con maior beneficio.
L.G – 149 empresas galegas forman parte deste selo. Para alguén que estea pensando en sumarse, cal sería o proceso? Que beneficios ten asociados?
I.F. – Na actualidade somos 149 empresas que contan con servizos ou produtos certificados dentro do noso selo. O proceso é individual para cada produto ou servizo. Se xa están elaborados os pregos pois cumprir os requisitos esixidos. E se é un produto ou servizo novo pois elaboramos da man do sector, sexa a través do Clúster, Asociación Profesional…, e da man da empresa para establecer uns criterios obxectivos para poder certificarse co distintivo de calidade. En canto aos beneficios pois o emprego do noso distintivo na súa etiquetaxe, o poder demostrar que está certificado por un selo de calidade, dependente da Xunta de Galicia, e poder sumarse a moitas das iniciativas que facemos ao longo do ano.
L.G – Un produto ou un servizo que estea feito parte en Galicia e parte fóra, pode formar parte do selo Galicia Calidade?
I.F. – O proceso de producción ou a materia prima, dependendo do caso en cuestión ten que ser galego. Tentamos ser o máis restrictivos posible, no que toca á procedencia. O noso nome indica procedencia e temos que ser fieis a ela. Pero hai cousas que non temos, e non por iso o produto final vai ter menos calidade. Poño por exemplo, o aceite das conservas. En Galicia non producimos aceite suficiente para toda a industria conserveira, pero un bo aceite non vai facer que un mexillón con DOP Mexillón de Galicia, teña menos calidade. Pero evidentemente, o mexillón ten que ser galego, e con denominación de orixe protexida.
L.G – Pasando polo voso Twitter vemos proxectos como as Aulas Gastronómicas e colaboracións con chefs de renome, temos un produto 5 estrelas! Como axudades a potencialo?
I.F. – No caso concreto ao que te refires, coas Aulas Gastronómicas, que vimos desenvolvendo nos últimos anos, tentamos achegar os produtos certificados aos milleiros de futuros profesionais da hostalería que se forman en Galicia cada ano. E da man dos mellores chefs, personaxes de referencia para eses alumnos e que aspiran a imitar nun futuro.
Se eles teñen claro o que significa e aporta o noso selo, cando cociñen, monten restaurantes, pois os produtos certificados terán mellor entrada nas súas cartas.
L.G – O emprendemento sempre é complicado nos seus inicios, pero rodearse doutras empresas é fundamental para aprender e xerar negocio. Como fomentades ese diálogo entre novas empresas e outras máis veterás? Como axudades a xerar negocio?
I.F. – Para nós, un dos pilares fundamentais de Galicia Calidade é a interrelación das empresas certificadas. Tentamos servir de ponte, de unión entre elas e van xurdindo moitas colaboracións. Dende packs de produtos de varias empresas, descontos entre empresas certificadas… E tamén de apoio das máis grandes ás que están medrando. Moitas horas do noso día a día pásase interrelacionado ás empresas entre sí.
L.G. – Falamos de pasado na primeira pregunta, pero toca falar do presente e do futuro do selo. Que retos vos plantexades de aquí a uns anos? Como evolucionará o selo?
I.F. – Como comentaba ao principio, a nosa idea é ir abrindo novos sectores fundamentais na economía galega, como a moda, por exemplo. E dentro dos que xa están tentar certificar os produtos das mellores empresas galegas. Cantos máis sexamos maiores serán as campañas de promoción e maior tamén a nosa presenza en mercados nacionais e internacionais. E os nosos eventos deben ir dirixidos a iso, a que as empresas se posicionen neses mercados internacionais da man do noso selo. O que buscamos, dende Galicia Calidade, e que supoñamos negocio para as empresas. Que sexamos un beneficio para eles, e non un simple selo polo que se paga e vai incluido na etiqueta.