entrevista lecturafilia
Tensy Gesteira por César Collarte

Nos tempos que corren, que non podemos viaxar, unha maneira sinxela de transportarnos é coa lectura. Quen o sabe moi ben é Tensy Gesteira, parte do gabinete de Comunicación do Concello de Bueu, e creadora do blog Lecturafilia.

Na súa páxina recolle a cita de Antonio Gamoneda: “Leer es vivir dos veces”, tomándoa como lema: vivir todas aquelas experiencias que estean na súa man a través dos libros. Con esa máxima xorde Lecturafilia, unha páxina literaria que leva implícito no seu nome ese amor polos libros. Un espazo con recensións de libros que ela mesma le, ademais doutros contidos que teñen relación co mundo da literatura: reflexións e análises, citas de autores/as, entrevistas, retos literarios, reportaxes, catas literarias…

Fala con ela sobre o seu proxecto Leticia Río.

Leticia Río: Como xorde Lecturafilia?

Tensy Gesteira: Lecturafilia é un proxecto persoal que case sen querer se converteu en profesional. Naceu hai oito anos como unha forma de falar dos libros que a min me marcaban e que quería compartir. A lectura sempre foi para min un bote salvavidas, unha anclaxe ao mundo e un antídoto contra a soidade, ao tempo que tamén me axudou a afrontar moitos problemas e a aprender. Emocióname moito falar de libros, porque pódese dicir que eu son o que son polos libros que lin, idea que xa dicía Borges e coa que coincido plenamente.

Neses primeiros anos Lecturafilia medrou de forma moi lenta, sen un obxectivo concreto, ata que decidín poñerme máis en serio e crear algo profesional, de aí que optase por mercar o dominio, encargar o deseño dun logo (que foi feito pola ilustradora pontevedresa Tania Solla) e, sobre todo, crear máis seccións que foron tendo moito éxito, como as entrevistas ou ‘otra mirada’, na que falo de libros feministas ou con perspectiva de xénero. Pódese dicir entón que o blog é o meu espazo e o de todas as persoas que senten que a lectura pode cambiar as vidas, e neste sentido, tamén reflicte a miña propia evolución, pois eu non son a mesma lectora de hai oito anos, senón que os meus gustos mudaron e as olladas tamén. Neste sentido, nos últimos tempos optei por darlle importancia e visibilidade a libros pouco coñecidos pero marabillosos, cun especial tratamento da literatura feminista e, como non, da literatura galega, que tan boa saúde está tendo mais que precisa dun maior apoio social.

 

L.R: Podemos falar dun pasatempo feito realidade no que agora mesmo, ademais de aludir a libros que mercas, tamén os propios autores/as e editoriais contactan contigo para enviarche os seus.

T.G: Si, o blog naceu nun tempo no que eu estaba rematando a carreira e daquela soamente me nutría dos libros que collía nas bibliotecas e dalgún moi concreto que mercaba. Paseniñamente foron contactando comigo editoriais e autores e autoras para ofrecerme os seus libros, ao tempo que eu comecei a traballar e puiden permitirme mercar libros. Recoñezo que, neste sentido, son unha auténtica devoradora literaria ou unha xonqui dos libros, como xa escoitei por aí, jaja.

Neste tempo de andaina, e grazas ao blog, coñecín proxectos fermosísimos, autores e autoras pouco coñecidos pero con moito potencial, e editoriais independentes que día a día puxan con forza por un soño, e que son as que mateñen en pé a verdadeira literatura. Fago, pois, un alegato por elas, e doulle as grazas por confiar no meu criterio que, teño que aclarar, tenta ser sempre sincero e honesto. É dicir, por moito que unha editorial ou un autor/a me agasalle un libro, eu non vou dicir que me gusta se non é así, porque o caso contrario suporía enganarme a min mesma e ás persoas que me seguen diariamente.

 

L.R: Ao final é un proxecto que ten o seu esforzo e traballo detrás, pero que tamén che dá alegrías como o II Premio ás Xuventude da Deputación de Pontevedra, ou a túa nominación como Proxecto literario na rede na Gala do Libro Galego de 2020. Tamén as colaboracións que fas en Luzes ou o Nós Diario.

 

T.G: Os premios e recoñecementos, as entrevistas nos medios, as mensaxes das persoas que se achegan a Lecturafilia, todo iso dáme folgos para continuar e para refrendar que realizo un bo traballo. Lembro que na carreira de xornalismo sempre nos dicían que era importante que creásemos proxectos persoais, pois igual algún día nos poderían levar a algunha oportunidade laboral.

E podo dicir que despois de tantos anos por Lecturafilia, no 2020 apareceron dúas oportunidades incribles. Por unha banda, o Nós Diario propúxome colaborar con reportaxes sobre o mundo literario e cultural, tanto no diario como no suplemento dos sábados Sermos Galiza. E despois está Luzes, que me ofreceu recomendar libros na súa sección ‘As libreiras’, e xa me estreei no número de outubro. É coma se todo se engarzase e as casualidades coincidisen no tempo.

 

L.R: Comentábasme que Lecturafilia foise profesionalizando co paso dos anos, dende formarte para mellorar o blog, como a compra do dominio e o deseño do logo… E en 2020, tamén engadiches a posibilidade de escoitarte en formato podcast, como decides abrir esta nova liña no blog?

 

T.G: Dun tempo a esta parte eu son unha fan absoluta do formato podcast, e escoito moitísimos programas profesionais e máis afecionados a través das plataformas Ivoox e Spotify. Eu son das que cre que o xornalismo sobrevive grazas á radio e, neste sentido, están xermolando proxectos ben interesantes tanto na Galiza como no conxunto do estado, que nos dan a oportunidade de aprender e de gozar da cultura, o que é esperanzador. Aí, nese contexto, e tamén coma un reto persoal, nace o podcast de Lecturafilia, que se pode escoitar nesas dúas plataformas e que por agora conta con tres episodios. A idea é ir pouquiño a pouco profesionalizándoo e introducindo novas seccións, como entrevistas, porque creo que é unha oportunidade para chegar a novos públicos.

 

L.R: Por último, como tamén fixemos con Andrea Enríquez (Azafata Hipóxica) que ten por pasatempo a lectura. Recoméndanos tres títulos para viaxar sen movernos da casa.

T.G: Resulta difícil porque leo moitos libros impresionantes e que, en maior ou menor medida, me marcan, pero se tivese que escoller soamente tres creo que me decantaría por El amor en los tiempos del cólera, de Gabriel García Márquez, Los aires difíciles, de Almudena Grandes, e Las Inviernas, de Cristina Sánchez – Andrade. Os tres son títulos que destacan polas súas descricións e pola maxia duns personaxes inesquecibles. Iso si, todos eles nos tocan, conseguen facernos vibrar, abrir unha brecha en nós, e creo que aí está o quid da cuestión: en que a literatura nos cambie.

Queres recibir as nosas publicacións?

Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios. Si haces en ACEPTAR, consideramos que permites su uso. En la página Política de cookies te ofrecemos información de como desactivar las cookies de tu navegador.    Ver Política de cookies
Privacidad