Seguridade A1 é unha empresa galega de seguridade dirixida por Manu Rial. Foi a primeira Central Receptora de Alarmas galega no ano 1991 e a primeira empresa de seguridade en lograr certificado de calidade ISO 9001 no ano 1999.
Coñece máis ao seu director xeral da man de Silvia Lado.

Silvia Lado – Quen é Manu Rial para aquelas persoas que non che coñezan?
Manu Rial – Para respostar a esa pregunta, máis acertado sería preguntarlle precisamente aos que me coñecen; pero así en modo “titular” diría que alguén que o pasa moi ben e que disfruta no día a día facendo algo moi sinxelo: traballar no que traballa.
Sendo honesto, non sempre foi tanto así; a etapa académica e universitaria estivo ben para o momento, pero nada comparado co grao de “realización” da vida profesional.
Actualmente ocúpome da dirección de Seguridade A1, un labor ao que sempre aspirei e tiven en mente dende que me formaba. Co paso do tempo, tiven esta oportunidade da que estou enormemente agradecido, e a iso me adico. Somos unha empresa eminentemente tecnolóxica na que, dada a metodoloxía de traballo que implantamos, incorporamos novos produtos, solucións e customizacións cada semana.
Non hai tempo nin de aburrirse nin durmirse. Certo que igual un entorno de traballo tan “cambiante” non é o preferido por todos os públicos pero a mín, que non me gusta o “running” porque facer a mesma cousa máis de 20 minutos me aburre, pois… Fai que este ritmo que a empresa demanda e o do equipo que conformamos sexa un “Perfect Match”, como diría Tinder.
S. L. – Que é o que máis che gusta do teu día a día?
M. R. – O almorzo de pola mañá (risas). Tanto en horario laboral, que aproveito para compartilo con compañeiros do traballo e ir “plantexando o día”, como cando non, que o adoito compartir coa miña parella.
Aparte diso, disfruto moito co equipo de traballo da empresa. É o que lle dá sentido ao que se fai cada día. Obviamente, o trato cos usuarios dos nosos servicios tamén é unha parte fantástica da rutina. Ao fin e ao cabo, que che recompensen polo teu traballo é pura alegría porque significa que cumples unha misión na sociedade. Pero no top 3 situaría: as reunións co equipo para solventar retos que nos plantexan, formacións impartidas para capacitar a novos membros ou explicar novos procesos, e a búsqueda e investigación de solucións a retos que orixina a propia empresa, aínda que esta última sexa un tanto máis íntima e solitaria.
S. L. – Cóntanos, Seguridade A1 arrancou sendo unha pequena empresa que elaboraba alarmas de xeito casi artesán e agora estades traballando para multinacionáis con tres sedes (Santiago sede central, Madrid e Elche), como lográchedes dar ese salto e facer un oco en grandes ligas?
M. R. – O propio nome da compañía (A1) vén a inspirar e simbolizar a idea e mantra do socio fundador, meu pai Manolo Rial: ser os primeiros (primeira letra do abecedario, primeiro número ordinal). A historia da empresa acumula xa algúns fitos de relevancia como ser a empresa galega de seguridade de maior número de clientes, cantidade de traballadores (96 empregados) e maior volume de facturación (6 millóns de €), etc. E ao final creo que a nosa misión se resume en ser os primeiros en facilitarlles a vida a quen confía en nós, para que eles se adiquen ao que de verdade é seu negocio; xa sexa fabricar cervexa, aluminio ou taboleiros de madeira (facendo alusión a Estrella Galicia, Aluminios Cortizo e Finsa, empresas que confían nos seus servicios).
Pero retomando a pregunta, queda de verdade tantísimo por facer e desenvolver… Debemos intensificar aínda máis a presencia no noso sitio natural, que é Galicia, e seguir coa expansión que nos permite estar xa en Madrid e Comunidade Valenciana. Son moitas as ideas, as ilusións…
Unha vez escoitei que hai dous tipos de empresas: as rápidas e as mortas. A nós gústanos andar lixeiro, así que en principio, non pinta mal a cousa.
manu rial
S. L. – Con todo o contexto da crise, a guerra con Ucrania, como vos afectou todo isto en canto ao suministro de materiais? Como xestionades a incertidume?
M. R. – Tardamos algo máis que outros sectores, como os da construcción ou automoción, en notar problemas nos suministros, pero si que finalmente sufrimos incrementos dos prezos como nunca antes visto, con subidas de 5 a 15 puntos porcentuais dunha semana para outra.
Como o xestionamos? Aumentando a capacidade de estocaxe e con moita comunicación e colaboración cos nosos fabricantes. Grazas a isto, nunca tivemos que “rectificar” unha proposta comercial debido a este tipo de casuística. Si que certos proxectos non fomos capaces de entregalos en prazo polo retraso nos suministros, pero isto, polo de agora, está solventado e volvemos a unha situación aparentemente “normal”, dentro do que cabe.
S. L. – E, para rematar, queremos preguntarche polo nivel de aceptación que teñen os vosos clientes nacionais e internacionais respecto ao emprego do galego á hora de facer comunicacións en redes sociais?
M. R. – Empregar o galego é algo natural, ou así entendo que debería ser. Igual de natural que ao catalán lle guste e goce o seu idioma e o vasco faga o propio co Euskera… Quen vexa un problema nesta convivencia de linguas e culturas diferentes, creo que o problema o ten el. De feito, e tratando de aportar un graniño de area máis a esa idea de sociedade na que impere o bilingüismo harmónico, a nosa web atópase traducida tamén ao Catalán; rexión onde contamos con destacados clientes e colaboradores.
A realidade é que temos instalacións agora en todo España pero a maioría dos nosos usuarios son galegos.
As linguas son vehículos para chegar ás persoas, por iso procuramos dirixirnos aos nosos clientes na súa lingua nai, sexa a que sexa. É unha cuestión de sensibilidade e conexión emocional.
manu rial