Sabela Romar: “Ante a sensación de impotencia non hai que buscar grandes proxectos nin grandes conquistas sociais”

Ao inicio do ano 2023 os datos indicaban que case 400.000 persoas xa alcanzaran a idade teórica de xubilación en Galicia. Estas cifras traen consigo retos aos que dende o proxecto ‘Solidarios cos Maiores’ buscan dar resposta. Para coñecer máis desta iniciativa falamos coa xornalista Sabela Romar, parte do equipo formado tamén por Chus Castro, Bea Soler, Manolo Rodríguez, Amalia Baltar e Lucía Aller. 

sabela romar entrevista solidarios cos maiores

Leticia Río: Que é e por qué xorde ‘Solidarios cos maiores’?

Sabela Romar: ‘Solidarios cos Maiores’ nace como resposta a unha sensación de impotencia vencellada cos maiores. Chus Castro, xornalista da Radio Galega e ideóloga do proxecto, levaba tempo acompañando a un familiar ao médico. Ao contrario do que debería ser, en cada visita ao hospital e centro de saúde, constataba que, en liñas xerais, o enfermo saía das consultas máis confundido do que entraba. Non había unha comunicación ou un ambiente pensado nin adaptado ás necesidades do maior. Chus botaba en falta cousas tan sinxelas como que o médico subira o ton de voz para facilitarlle o entendemento á persoa con dificultades auditivas ou que tomara uns minutos extra para explicar con detalle algúns aspectos importantes do tratamento. Pensando en chamar a atención sobre esa falta de atención aos maiores, Chus chamounos un día a varios xornalistas e profesionais da comunicación para por en marcha un canal de vídeos curtos cos que recoller as demandas dos maiores e comentar, a través de entrevistas con profesionais e especialistas, aspectos que poideran axudar aos máis maiores da sociedade e, tamén, aos seus coidadores e familiares.

entrevista solidarios cos maiores

L.R: Quen está detrás deste proxecto?

S.R: Somos un grupo de media ducia de xornalistas e profesionais da comunicación, algúns en activo e outros xa xubilados. Entre eles están, Amalia Baltar, Javier Barrós, Eduardo Quintela, Marcus Fernández, Lucía Aller, Manolo Rodríguez, Bea Soler, eu e Chus Castro , que foi a que tivo a idea. Nós somos os que poñemos cara e algo de organización no proxecto pero, en realidade, detrás de ‘Solidarios cos maiores’ hai cada vez máis xente con ganas de colaborar e axudar.

L.R: Como considerades a percepción que existe deste segmento na nosa comunidade?

S.R: Pola nosa experiencia vemos que, en liñas xerais, hai preocupación e interese por axudar aos maiores. Sentimos esa preocupación na sociedade, na xente ou nos colectivos que se achegan a nós para ofrecer colaboración. Pero si que notamos certa falta de compromiso noutros ámbitos da comunidade. 

solidarios cos maiores 2

L.R: Cales son os desafíos cos que nos atopamos?

S.R: Os desafíos van en aumento porque a sociedade avanza e en ocasións, eses avances non teñen en conta aos maiores ou mesmo dificultan máis o seu día a día. Os retos ás veces están en pedir unha cita previa a través dunha máquina que nos fala ao outro lado do teléfono e coa que non podemos interactuar ben, por exemplo. As novas tecnoloxías son importantes para a evolución da comunidade, non hai dúbida diso pero, que todo tenda á tecnificación é un desafío tremendo para o desenvolvemento autónomo e diario das persoas maiores. O desafío está tamén en conseguir que os maiores teñan unha xubilación digna, cos coidados axeitados e as coberturas necesarias. Que cumprir anos non implique quedar atrás na sociedade, en ningún campo. Ese é o reto que está máis á vista e que, probablemente, menos queremos ver, socialmente falando.

L.R: Un proxecto que busca reflectir o contexto que vive o noso talento senior que xa non está en activo e que non podemos olvidar, como valorades a acollida da iniciativa?

S.R: A verdade é que estamos encantados e bastante sorprendidos coa acollida. Cada vez son máis as asociacións, os colectivos e os particulares que contactan con nós e se interesan polo que facemos. Cada día aumentan as visitas á páxina onde subimos os vídeos, en Youtube. Estamos moi satisfeitos coas visualizacións dos vídeos e co número de pezas compartidas. É un gusto ver que, os días 1 e 15 de cada mes, nalgúns chats de WhastApp se comparten os vídeos de ‘Solidarios cos maiores’ con moitas ganas e coa intención de comentar e reivindicar as necesidades dos maiores. Estamos moi animados, ilusionados e dispostos a seguir traballando.

solidarios cos maiores evento

L.R: Alcanzades ese obxectivo de facer reflexionar a sociedade?

S.R: A reflexión é o primeiro paso, é unha especie de chamada de atención, un xeito de lembrar a importancia de mirar polos maiores que temos máis cerca. Non hai que buscar grandes proxectos nin grandes conquistas sociais. Unha interiorización humilde, doméstica e particular de cada un de nós, se se acompaña dun xesto tamén humilde e pequeño, acabará sumando e logrando cousas importantes. Esa é a nosa achega, o noso obxectivo, ser unha especie de recordatorio do que se pode mellorar na vida dos maiores. Moitas das cousas que reivindicamos ou lembramos son evidentes, non pretendemos inventar nada. Só se trata de visibilizar e poñer o foco no que pensamos que está ao alcalce de todos para facer que ser maior sexa tamén ser capaz e o máis autónomo posible.

L.R: Sodes un grupo de voluntarios os que estades detrás do proxecto, pero comentábasme que calquera persoa pode aportar, como facelo?

S.R: A idea é precisamente esa, que todos nos impliquemos. No noso caso, facemos vídeos e escoitamos algunhas das necesidades de  colectivos que contactan con nós buscando ser escoitados e dar cunha plataforma que poida canalizar as súas reivindicacións ou necesidades. 

  • Temos un vídeo no que recollemos algunhas das demandas dun colectivo concreto de traballadoras de residencias de maiores. 
  • Fixemos un traballo tamén valorando cal é a mellor tarifa da luz para aforrar o máis posible.
  • Escoitamos as historias de varias persoas que lograron superar o enganche ao xogo ou á bebida. 
  • Buscamos e dimos coa única zapatería en Galicia que fabrica zapatos con anchos especiais e fixemos un vídeo que tivo moito éxito. 
  • Tamén temos na web un vídeo no que reflexionamos sobre a necesidade de que os maiores vaian acompañados ás consultas médicas. Nesa entrevista no Hospital Universitario da Coruña, por exemplo, descobrimos que hai un servizo de voluntarios nos centros médicos que hacen ese tipo de acompañamentos. 

Un dos traballos de ‘Solidarios cos maiores’ con máis visualizacións na web é sobre o testamento vital. Un notario comenta que é e como se pode facer. 

solidarios cos maiores evento 2

L.R: E tamén facedes colaboracións, verdade?

S.R: Ademais dos vídeos, colaboramos acompañando a algúns dos nosos entrevistados a dar charlas e participar en debates en diferentes asociacións. Somos un colectivo cun proxecto aberto e estamos permanentemente dispostos a escoitar ideas e a participar, na medida do posible, en cantos máis eventos, mellor.
Unha das nosas últimas colaboracións está vencellada co Banco de Alimentos. Pensamos que as necesidades dos maiores son transversais. Todo está vencellado e todo é susceptible de ter unha lectura social que axude a esa parte da sociedade. Maiores e non tanto, todo o que teña unha idea, unha inquedanza, unha proposta ou, simplemente, alguén que crea que podemos servirlle de axuda, pode contactar con nós no correo electrónico solidarioscosmaiores@gmail.com Non pretendemos cambiar o mundo, nin moito menos. Pero si estamos comprobando que, con pouco, facendo o que cada un de nós sabemos facer, logramos cousas xigantes e importantísimas. Se un só segundo de calquera dos nosos vídeos ou ideas sirve para mellorar a vida dunha persoa, o proxecto ‘Solidarios cos maiores’ xa terá valido a pena.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable: El titular del sitio.
  • Finalidad:  Moderar los comentarios.
  • Legitimación:  Por consentimiento del interesado.
  • Destinatarios y encargados de tratamiento:  No se ceden o comunican datos a terceros para prestar este servicio.
  • Derechos: Acceder, rectificar y suprimir los datos.