Na entrevista de hoxe achegámonos ao Fogar do Santiso, un proxecto de restauración con máis de 25 anos de andadura nacido en Teo. Hoxe por hoxe Fogar do Santiso ten restaurantes na propia localidade de nacemento, en Santiago de Compostela, en Allariz, Oleiros, e na incrible praia de Lapamán, entre Bueu e Marín.
Pero Fogar do Santiso é máis diso. É un modelo de sostibilidade económica, ecolóxica e social dedicado á promoción, recuperación e defensa da cultura galega, da saúde e do medioambiente. Da man de Brandán Gómez, o seu director de Marketing, achegámonos ao Fogar 360º.
Lucía González – Moitos dos nosos lectores xa coñecen o Fogar do Santiso, pero para quen non, como nolo presentarías?
Brandán Gómez – Fogar do Santiso é un proxecto de restauración ecolóxica con 5 restaurantes e 10 hectáreas de horta propia, que promove os valores da vida tradicional galega, respetando os principios da economía circular.
L.G – Entón Fogar do Santiso é moito máis que un restaurante onde se come ás mil marabillas
B.G – Efectivamente, moito máis. No 2007 creouse o plan “Un Fogar a 100 anos” no que se plantexaron as bases do crecemento sostible no que estamos agora: ecoloxía, Km0, cero residuos e temporalidade. Todas estas premisas crearon unha estrutura que precisou de proxectos secundarios que a sustenten.
Por iso naceu Green Mixology, co que elaboramos bebidas ecolóxicas premium a partir de botánicos e herbas das nosas hortas. Recentemente creamos Fogar Consultores. Unha empresa especializada no eido agrícola, con ela damos asesoramento en temas que van desde a redución de residuos, xestión empresarial, marketing ou route to market. Agora mesmo traballamos para a Fundación Paideia, Inditex, varios GDRs e organismos da Xunta de Galicia.
LG – Todos estes proxectos que nos contas, Brandán, nacerían de non ter vivido a crise da covid? Como vivíchedes esa transformación?
B.G – A Covid foi un trauma de dimensións inauditas. Na hostalaría pechamos 5 restaurantes e pasamos a unha facturación de 0 euros durante varios meses. Foi un golpe tremendo e un susto que nos fixo poñernos en marcha a todo tren así cada día a través de reunións telemáticas e milleiros de correos, conseguiu que dixitalizásemos todos os procesos produtivos, creásemos un ecommerce e tomásemos a decisión de diversificar negocio. Así naceu Fogar Consultores.
L.G – E a vosa última iniciativa é Empréndete en Verde, en que consiste?
B.G – É un plan de promoción do emprego xuvenil creado con Fundación Paideia, a EOI e Fundación Deloa. Neste programa 10 alumnos entran a formar parte do noso proxecto e coñecen de primeira man a xestión dunha horta, dun restaurante, cociña de produción, panadería, etc, …
L.G – E ademais de todos os proxectos, dende o Santiso traballades a prol da sostibilidade e potenciades o produto local. Para quen dubida aínda, por que é útil e rendible esta aposta?
B.G – Hai unha frase de William Bernbach que di que un principio non é un principio ata que non che custa diñeiro. Se non fósemos ecolóxicos, locais e sostibles teríamos máis marxe de beneficio … seguramente a curto prazo. Pero o noso proxecto non tería un propósito, os nosos clientes non nos quererían como nos queren, o noso persoal non estaría tan motivado, e non atraeríamos tanto talento como atraemos.
Si é rendible, pero a motivación non debería ser a rendablidade, porque a curto prazo non vai estar aí. A aposta pola sostibilidade debe respostar a un convencemento interno da empresa. Despois queda comunicalo dunha forma que sexa relevante para os clientes, e logo chegarán os froitos.
Se non fósemos ecolóxicos, locais e sostibles teríamos máis marxe de beneficio, pero o noso proxecto non tería un propósito
Brandán Gómez
L.G – En IGATA tamén traballamos por un rural galego innovador, coma vós. Cal cres que é a receita para conseguilo? Alimentemos conciencias!
B.G – A clave é a posta en valor do rural a través da creación de novos produtos deseñados para a introdución en nichos concretos cunha comercialización innovadora. Precisamos casos de éxito, exemplos que den orgullo de vivir e traballar para empresas nas aldeas e pobos de Galicia. Hai que innovar, explorar novas rutas e pelexar á contra. Hai que poñer en valor ó talento que traballa no rural, defendelo e promovelo como role models. Se axudamos entre todos nalgúns anos comezaremos a ver os froitos.