Hoxe a nosa compañeira Silvia Lado fala con Javier Boquete, profesional do marketing que apoia aos emprendedores a lanzar os seus proxectos. Na súa entrevista cóntanos algúns consellos para aquelas persoas que queren emprender dende o rural. Queres saber máis sobre el? A continuación, mostrámosche a entrevista.
Silvia Lado – Quen é Javier Boquete?
Javier Boquete – Boa pregunta. Supoño que para alguén que non me coñece, gústame dicir de min que son un rapaz que naceu no rural da Costa da Morte hai 42 anos, viviu na cidade (demasiado tempo) e recentemente volta de novo a Lira en Carnota porque sinte que aquí a vida é vida. Sinto paixón polo rural galego e por este pedaciño de costa, paixón que me leva a involucrarme en diferentes iniciativas que buscan levar ó noso rural, tan despreciado durante anos, ó lugar que merece.
S. L. – Nalgún lugar da túa biografía lin “persoal no profesional”. Que queres dicir con isto?
J. B. – Parte do meu traballo é axudar a emprendedores a lanzar os seus proxectos. Gústame coñecer a parte persoal e emocional que hai detrás de cada un destes proxectos, porque permíteme conectar e involucrarme, mellorando a calidade do meu traballo. Non concivo axudar a alguén sen ser empático, e este é un valor persoal que traballo e valoro moito nas persoas.
S. L. – “Las once y cuarto” está formado por un colectivo de freelances especialistas en distintas áreas, como xorde este proxecto?
J. B. – Las Once y Cuarto nace fai 6 anos como un colectivo formado por diferentes profesionais do mundo do marketing, a publicidade e o deseño que botaba en falta unha axencia que apostase polos emprendedores. As grandes axencias poñen o foco nos grandes clientes, pero é xusto apoiar tamén os que comezan con poucos recursos económicos. Traballar en remoto e sendo todos freelances permítenos poder adaptarnos as necesidades dos emprendedores.
Encántanos axudar a nacer e ver medrar novos proxectos. A ilusión e a forza destes non se ven nos grandes clientes.
Javier boquete
S. L. – Como ves o desenvolvemento do rural en Galicia? Cal é a túa perspectiva do talento no rural?
J. B. – O potencial do rural galego é infinito, pero creo que non está ben enfocado. Temos un problema dende fai moitos anos que aínda non somos capaces de solventar, e é o seu despoboamento. Temos que conseguir que a nosa rapazada contemple emprender no rural coma unha gran alternativa no seu futuro.
E por outro lado temos un turismo moi estacional centrado no verán, o que fai que o resto do ano o rural permaneza nun inmerecido olvido. O futuro do rural pasa por buscar solucións a estes 2 grandes problemas.
Temos un talento enorme no rural galego, e en concreto na Costa da Morte, que é a zona que máis coñezo en profundidade. Arte, cultura, gastronomía, turismo, música, temos enormes talentos en diferentes ámbitos, pero todos precisan de seguridade. Seguridade en formación para que sintan que dan os pasos axeitados, e aquí temos bos programas de formación de entidades públicas ou privadas como a Fundación Paideia, Ronsel, EOI, ICSEM ou Roberto Rivas. Pero tamén en seguridade económica, e aquí é onde coxeamos un pouco. Hai axudas económicas, pero case ningunha enfocada a suplementar ou dotar dun salario inicial do que emprende. E isto é clave.
S. L. – E para rematar, algún consello para aquelas persoas que decidan emprender dende o rural?
J. B. – O meu consello é sinxelo: querer facelo, e iso significa vir con ganas de querer coidalo, apoialo e axudalo a medrar dun xeito sostible. Nos tempos que corren, calquera idea de negocio, calquera, é viable nun entorno rural. O único importante é saber da importancia de respetar o entorno e a unha comunidade que dende o minuto un recibirache de seguro cos brazos ben abertos. Ah, e asegurar que dispós dunha boa conexión a internet (increiblemente nos tempos que corren aínda hai moitas aldeas que non dispoñen dunha boa conexión).
Nos tempos que corren, calquera idea de negocio, calquera, é viable nun entorno rural. O único importante é saber da importancia de respetar o entorno e a unha comunidade que dende o minuto un recibirache de seguro cos brazos ben abertos.
javier boquete