Hoxe festexamos o día das Letras e o Día de Internet. Moi vencellado con Internet e as novas tecnoloxías, xorden novas posibilidades de traballar dende a casa, e duns meses para aquí, o teletraballo vén de establecerse en milleiros de empresas máis aló das nosas fronteiras.
Este post quere ser un alegato para convencer, que digo convencer, reafirmar, a todas aquelas persoas que están a pensar en vir a traballar a Galicia. Vivimos na mellor terra do mundo 🙂
Comerás coma un pepe todo o ano
En Galicia somos de bo dente, abofé que si. Temos a mellor dieta do mundo, peixe e marisco das nosas rías recollido polos heroes do mar a diario; a mellor tenreira, polo ou porco, alimentado nos nosos pastos; froita e verdura que nace do regadío natural… E todo isto, adaptado a todos os petos. E por non falar da bebida. Inventamos o licor café, a queimada e temos a mellor cervexa, quen dá máis?
Ademais, en Galicia facemos da tapa unha tradición, e poderás comer ou cear de balde cun par de consumicións pratos moi ricos.
As mellores postas de sol
Temos un clima e unha orografía moi singulares, que fan que en Galicia teñamos unha flora e fauna moi ricas. As rías debuxan unha costa na que podes desfrutar das mellores postas de sol, subindo a algúns dos nosos faros ou montes máis coñecidos, dende as Illas Atlánticas aos Cañóns do Sil, ou pasando polo Monte Louro ou o Cabo Home.
Somos riquiños por natureza
A un galeg@ nunca endexamais lle escoitarás unha palabra máis alta que outra, usamos a retranca para iso 🙂 Somos o mellor compañeiro de aventuras, apuntámonos a canta festa e troula haxa e quen ten un amig@ galeg@, terao para toda a vida.
E se chove, que chova
Para ter os nosos montes verdes, precisamos da chuvia, éche o que hai. Pero non me dirás que non é bonita a Zona Vella compostelá cando chove? Eu diría que case mellor que cando loce o sol. Temos que botar fóra uns cantos mitos, sabías que San Sebastián é a cidade onde máis chove de España? E que Vigo é onde cae máis auga en Galicia?
E a nosa lingua é das que ten máis termos para nomear a chuvia, se é que a creativos non nos gaña ninguén 😉
O clima atlántico
Moitos diranche que para que vir a Galicia, se fai frío e chove, pero, non me dirás o gustiño que dá durmir cunha sábana, e incluso manta, en verán. Temos temperaturas agradables durante todo o ano, nin moito frío, nin moita calor (coa excepción de Ourense). Teletraballar en verán en Andalucía ou Canarias co aire acondicionado a todo tren é un gasto que non vexas… Así que aforra e vén a Galicia!
De festa en festa
Temos festas gastronómicas durante todo o ano: se a festa da empanada en Allariz; se a celebración da tortilla ou do pemento en Padrón; o marisco, ai o marisco do Grove ou a festa da filloa en Boqueixón: primeiro, principal e postre! Podes localizar todas as festas neste buscador. E despois dunha boa homenaxe gastronómica, que mellor que botarlle uns bailes? En Galicia somos fans do orquesteo, e se pasalo ben é unha tradición máis.
O segredo da nosa lonxevidade
Sabías que somos das comunidades con maior esperanza de vida de Europa? A razón estache ben clara, vivamos como galegos: dieta atlántica, clima moderado e boa compaña, quen precisa máis?
De extra: recursos para aprender galego
Se xa te decidiches, deixámosche unha serie de recursos gratuitos para aprender galego e poder utilizar expresións como malo será ou que morra o conto con propiedade 😉
- Dígocho Eu da CRTVG, vídeos moi divertidos sobre conceptos e palabras en galego
- Lingua.gal, con ducias de cursos gratuitos para obter o Celga, un certificado para recoñecer o nivel que ten unha persoa do galego
- Series e películas en galego para ver en streaming
- Camiñatas lingüísticas da USC, para poder aprender o idioma e facer deporte a un mesmo tempo
- Sesións de conversas presenciais no Centro de Linguas da USC
- Seguir perfís en redes sociais, como Orgullo Galego, Pelis dobradas ao galego, Canto Ghalpon ou Quen che dera
- Voluntariado para aprender galego
- Revistas ou medios en galego, como Código Cero, Revista Pincha , Nós Diario ou GCiencia