Rural Hackers: “O máis difícil é a loita contra os estereotipos de que no rural non sucede nada”

As zonas rurais de Galicia estanse despoboando severamente, e este feito pon en perigo unha forma de vida, as tradicións e unha desconexión coas nosas raíces. O colectivo Rural Hackers, de Ponte Caldelas, proporciona unha plataforma de aprendizaxe en tecnoloxía e noutras disciplinas como as artes, os idiomas ou a creatividade para aqueles que queiran facelo no rural. Todo baixo o lema: pensa globalmente, actúa localmente e revive ruralmente.

Para coñecer máis acerca do colectivo e de todo o que realizan, falamos con Agustín Jamardo, membro de Rural Hackers.

rural hackers entre culturas
Lucía González – Rural Hackers, revitalizando o rural. Como nace esta fermosa iniciativa?

Agustín Jamardo – A historia é bastante longa, xa que Rural Hackers é, digamos, a cereixa do pastel de todo o que levabamos facendo xa desde Anceu Coliving para tentar xerar impacto no e desde o rural.

A finais de 2021, grazas a Nacho e África, puiden ser parte dun proxecto europeo chamado Migracode. Este proxecto consiste en crear escolas de tecnoloxía para xente migrante. Neste proxecto viaxei a Grecia para coñecer unha das escolas creadas a raíz de Migracode. Estando alí, decatámonos de que a realidade de Galicia é diferente, e decidimos comezar a prototipar unha escola de mentorización en tecnoloxía para xente no rural, que é a realidade galega. Decatámonos de que moita xente aposta polo rural pero só sobrevive nel, e cremos que cun toque de tecnoloxía pode mellorar a súa vida amplamente.

Pasado esto, en marzo de 2022 comezamos a nosa andaina de Rural Hackers, sen ter aínda moita idea onde ía acabar, e facendo algo pequeno. O que fixemos foi promover esta idea entre xente do contorno, e tivemos a unhas 8 persoas que viñan entre unha e catro veces ao mes a Anceu Coliving a recibir mentorías de temas variados como WordPress, deseño, ou inglés. Como ves, os temas son moi variados, pero a nosa idea era atraer xente, e ver as súas necesidades.

Ademais disto, desde abril a agosto de 2022, xunto aos servizos sociais de Baiona, aloxamos a parte da xente participante de Vincúlate, un proxecto para ensinar a mozos e mozas en situacións máis desfavorecidas a facer adestramento canino. Aproveitamos a rede que xa tiñamos con Ada Intervenciones para que esta xente nova viñese a Anceu a aprender dos Rural Hackers temas de fotografía, videoxogos, programación ou inglés.

Neste verán tamén tivemos a ocasión de comezar novos proxectos con outra xente, como robótica con Iván Sánchez, clases de tecnoloxía para xente maior de 60 con Francisco Ríos, ou inglés para xente maior da aldea con Andreea Rusu.

A punto de rematar a tempada 2022, en setembro, fomos parte dun evento chamado Do_Action Hackathon, xunto á Fundación WordPress e WordPress Pontevedra, e axudamos a dúas ONGs do contorno a que puideran ter a súa páxina web, https://arentedochan.org/ e https://villacaotica.org/. Con iso vimos que Rural Hackers tiña que establecerse como asociación, e así foi, quedou fundada e rexistrada en outubro de 2022.

rural hackers hackathon wordpress
L.G – Quen está detrás de Rural Hackers? Buscades novos compañeiros de aventura?

A.J – Rural Hackers está fundada por Ignacio Márquez, África Rodríguez e Agustín Jamardo (na foto). Obviamente, sempre buscamos máis xente que estea interesada en formar parte desta iniciativa, xa que desgraciadamente necesitamos máis aposta polo rural.

agustín jamardo rural hackers
L.G – Na vosa páxina web comentades que a vosa intención é crear unha comunidade de aprendizaxe en tecnoloxía, artes, creatividade e idiomas. Como o estades a facer? Que actividades desenvolvedes?

A.J. – Como comentaba antes, durante a creación de Rural Hackers fomos facendo distintas probas para ver que era o que máis sentido creíamos que tiña, e fomos aprendendo dos nosos erros. Nestes momentos temos distintos campos de acción.

Proxectos Europeos. Grazas á experiencia de África e Ignacio, estamos facendo distintas solicitudes a proxectos europeos dentro do programa Erasmus.

Pegadas do Recordo. Desde marzo, e grazas a un proxecto chamado Rural Hacking, implementado por Anceu Coliving da European Creative Hubs Network, comezamos un proxecto chamado Pegadas do Recordo, onde gravamos historias da xente da aldea contándonos historias e pondo en valor distintas zonas do monte comunal de Anceu. Este proxecto está apoiado pola Comunidade de Montes de Anceu, e xa temos 4 historias que forman unha ruta de uns 5km na aldea de Anceu.

Residencias Rural Hackers. Desde este mes de abril puxemos en marcha as residencias Rural Hackers. Estas residencias consisten nunha estadía dun mes en Anceu Coliving gratuíta a cambio de realizar un proxecto de impacto local na zona. Durante 2023 temos e teremos a máis de 6 residentes que realizarán, entre outros, os seguintes proxectos:

  1. Víctor Herrero: Víctor é profesor de inglés online e a idea desta residencia é ofrecer clases de inglés gratuítas á xente do pobo e arredores durante dous meses. O valor engadido destas clases de inglés é que logo as persoas poden comunicarse coa xente que habita o coliving e seguir creando comunidade.
  2. Anís e Cuco: Anís (programador especialista en IA), e Cuco (artista) coñecéronse o ano pasado nun proxecto internacional en Marrocos, desa experiencia relacionada co arte xurdiu a idea de facer unha residencia conxunta en Anceu. Anís adestrará a unha intelixencia artificial para emular o estilo de Cuco. Despois disto, tanto Cuco como a intelixencia artificial xerarán dúas pezas de arte de 1×1 metros, que exporemos nunha zona do bosque de Anceu.
  3. Mery Jab: Mery Jabłońska é unha ilustradora e deseñadora gráfica que, xunto a xente da aldea de Anceu que lle ensinará a aldea e os bosques da zona, realizará un mapa da zona con todas as especies vexetais e arbóreas.
  4. Lavinia Oros: Lavinia é unha rapaza rumana que realizará un proxecto de recolección e exposición de fotos antigas e a súa historia. Está desde estes momentos xa poñéndose en contacto con xente da Aldea para recolectar fotos antigas e realizar unha exposición o 12 de maio.
  5. Ariana: Ari é unha cineasta ecuatoriana que durante a súa residencia, gravará testemuños de historias relacionadas coa emigración na aldea de Anceu, e fará unha curta documental ao respecto.
rural hackers mural
L.G.- A despoboación do rural é un feito e máis en comunidades como a galega. Que ferramentas precisa o rural para voltar a atraer novos veciños? Cal é o papel de Rural Hackers en todo isto?

A.J.- O papel de Rural Hackers na atraición de xente nova ao rural pasa por dinamizar estas zonas, xa que un dos maiores atractivos das urbanizacións é a súa actividade cultural. Por tanto, se se xeran este tipo de actividades no rural, a facilidade de que máis xente se mude ao rural será máis alta.

A día de hoxe, houbo dúas persoas que se mudaron á zona de Ponte Caldelas grazas ás iniciativas creadas por Rural Hackers e Anceu Coliving. Un deles é un programador de robótica francés que se estableceu en Ponte Caldelas, e a outra é unha rapaza madrileña que traballa como xestora de comunidades en Wellbeing Economy Alliance.

rural hackers eventos
L.G. – Vexo que moitas empresas e asociacións apoian a Rural Hackers? Como unirse ao voso movemento?

A.J. – Si, neste momento temos apoios tanto empresariais como Siteground, Eleven Yellow ou Aurea Telecom, e de distintas asociacións locais como Casa do Pobo, Comunidade de montes de Anceu, ou Comunidade de augas de Anceu.

Se queres ser parte disto, por favor envíanos un correo electrónico a hello@ruralhackers.com, ou mándanos unha mensaxe en https://ruralhackers.com/contact/

L.G. – Emprendemento e rural. Que retos vos estades a atopar para conxugar estas dúas realidades?

A.J. – Pois non sabería decir, é verdade que inda que sempre hai cosas coas que tes que remar en contra, en xeral está ido todo moi fluído. Sempre dicimos que nos gusta comezar pequeno, e as cousas que funcionan, facelas máis grandes.
Diría que para conxugar estas realidades, o máis difícil é a loita contra os estereotipos de que no rural non sucede nada, ou que a xente urbana non quere saber nada do rural, ou que a xente inspirador está nas cidades. Eu sempre digo que hai de todo en tódolos lados, pero é certo que o esterotipo está aí.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable: El titular del sitio.
  • Finalidad:  Moderar los comentarios.
  • Legitimación:  Por consentimiento del interesado.
  • Destinatarios y encargados de tratamiento:  No se ceden o comunican datos a terceros para prestar este servicio.
  • Derechos: Acceder, rectificar y suprimir los datos.