SomosOcéano nace en Coruxo, Vigo, no 2016 dando forma ao que os seus creadores, Ana Carpintero e Fran García denominan Moda atlántica: prendas de tecidos naturais con sabor a mar, atemporais e pensadas para amosar con orgullo a Galicia. Na súa web podes atopar calcetíns de todo tipo e con estampados vexetais e mariñeiros, incluso tamén do Xabarín Club e Luis Davila. Coñecemos o seu proxecto!
Lucía González – Para quen non coñeza aínda SomosOcéano, facemos presentacións?
Ana Carpintero – SomosOcéano é unha marca de moda e accesorios con aire atlántico que lanzamos en 2016. Presentamos unha colección de prendas confeccionadas en algodón e algodón orgánico e unha exitosa colección de calcetíns cheos de cor, suaviños e ideais para expresar ese espíritu do norte neles. Estamos presentes na nosa propia tenda online e actualmente en máis de 60 puntos de venda espallados por toda España e en puntos de Europa como Milán, Lyon, Berlín ou Suiza.
L.G – Vendedes calcetíns divertidos para non perder o norte, que vos levou a facer dos calcetíns o voso produto estrela?
A.C – Foi un pouco por casualidade. Cando comecei este proxecto a miña intención era centrarme máis nas camisetas e suadoiros, pero como ao meu compañeiro Fran encantábanlle os calcetíns rechamantes decidín facer unha pequena producción de únicamente 400 pares de calcetíns un pouco pola broma. E menuda broma saíu! Eses 400 pares voaron da tenda e démonos conta de que tiñamos un produto fantástico entre mans. Agora producimos uns 30.000 pares de calcetín ao ano!
L.G – Na vosa tenda online podemos encontrar camisetas ou suadoiros con palabras tan nosas como riquiña, morriña, merda ou fermosa. Por qué razón? Como foi ese proceso da toma da decisión?
A.C – No ano 2015 quería emprender e lanzarme a facer o meu propio negocio de moda e como non tiña moi claro por onde tirar fixen previamente un pequeno análise das propostas do mercado. Deime conta de que había certo nicho de mercado na roupa que reivindicase o noso e que fose realmente un produto de moda e de tendencia; creo que demos no cravo porque moitas outras marcas saíron nese mesmo tempo có mesmo concepto, non quedarse unicamente na camiseta básica un pouco de “souvenir” senón facer unha prenda á moda, sostible, bonita, de calidade, versátil e que fuxise dos típicos lemas en inglés que ás veces nin sabemos traducir.
L.G – Por qué decidíchedes emprender? Como definiríades o proceso que vos levou ata aquí?
A.C – Decidinme polo emprendemento porque no mercado laboral non atopaba quen me valorase por todo o que sabía facer e estaba un pouco desencantada. Nunca se me pasara antes ser a miña propia xefa e agora estou moi contenta de ter a valentía de dar ese paso. Digo valentía pero tamén total ignorancia do que implica sacar adiante unha empresa porque eu polo menos non tiña nin idea de todo o que acarrexa en materia de impostos, nómimas, custes… e este proceso ao final é ir descubrindo cousas novas todos os días e todos os trimestres!
L.G – E que consello lle dariades a alguén que está pensando en traballar por conta propia?
A.C – Pois que faga unha boa investigación antes de lanzarse e que tamén faga un plan de negocio para que detalle e pense en todas as variables. Unha cousa que me serviu moito foi que cando tiña xa máis ou menos todo plantexado xuntei a un montón de amigos e fíxenlles unha presentación para que eles me aportasen o seu punto de vista sobre o empaquetado, os prezos, os deseños, a web… foi moi enriquecedor! E finalmente creo que é vital contar cun bo asesoramento fiscal e contable.
L.G – A comunicación en redes sociais é esencial para visibilizar un proxecto. Que trucos usades para facervos ver?
A.C – Non hai trucos, hai moito traballo nas redes! As redes sociais están en continua evolución e cada día hai cousas novas para aplicar e hai que estar ao día. Tratamos de ser cercanos, humildes se nos equivocamos e amosar co máximo cariño os nosos produtos; é moi importante escoitar aos seguidores porque a eles vai dirixido todo o traballo e por suposto, tamén facer un pouco o parvo nas redes! Iso sempre funciona moi ben 🙂