“A verdade é que todo o mundo nos di que o Pont-Up non se pode explicar, hai que vivilo”

O Pont-Up Store é unha iniciativa aberta a toda a cidadanía cuxo obxectivo é o apoio ao emprendemento e o incremento da cultura emprendedora na sociedade. No marco do Campus Crea da Universidade de Vigo este encontro é unha decidida aposta pola creatividade e o emprendemento para o desenvolvemento persoal e da sociedade en xeral. Trátase dun evento multisectorial con proxectos que proveñen dun gran abano de sectores de actividade procedentes tanto do ámbito urbano coma do rural cunha gran calidade contrastada derivada dun riguroso proceso de selección das numerosas candidaturas recibidas cada edición.

A edición do 2021 celebrarase esta fin de semana en Pontevedra (24 e 25 de setembro) e dende IGATA quixemos coñecer máis deste evento.

Pont-Up Store
Lucía González – Levades desde o 2014 celebrando Pont-Up Store, como logrades esta continuidade ano tras ano? 

Pont-Up Store – Pois con moito traballo e grazas ao apoio de todos os nosos patrocinadores e colaboradores. Nada máis rematar unha edición do Pont-Up Store, comezamos a traballar na seguinte. Aínda que o evento só transcurre físicamente dous días hai moito traballo detrás e pasámonos meses argallando innovacións e melloras para enriquecer cada edición e convertir o Pont-Up Store nunha mellor experiencia de cada vez. 

L.G – E esta edición será máis especial aínda, tendo en conta que non se puido celebrar a do ano pasado 

P.S – A verdade é que sí. O ano pasado despois de organizar todo o tema con moito tino e atendendo ás medidas de seguridade, foi todo un chasco ter que cancelar a parte física a tan só unha semana da súa celebración. Non podíamos aguantar ás ganas de ver a carpa montada e a todos os emprendementos ocupando os stands. 

Ademais, este ano tamén traemos novidades, como a posibilidade de visitar o evento de xeito online a través do Dixital Pont-UP, unha visita na que recreamos de forma virtual non só os produtos de cada stand senon os propios lugares de traballo, algo especialmente enriquecedor en proxectos cunha tenda física ou un local, pois poden amosar na totalidade os seus emprendementos. 

L.G – Quen está detrás de Pont-Up Store? Queremos coñecervos 

P.S – Detrás do Pont-Up Store hai un equipo que adora o emprendemento. 

O noso director e propulsor do evento, Pedro Figueroa, que tamén é profesor da Universidade de Vigo, sempre di que as mellores ideas xorden en calquera lugar, de feito, o Pont-Up xurdiu tras unha comida con motivo da Conferencia Iberoamericana de Emprendemento (CIEM). 

Ademais de Pedro, no Pont-Up Store tamén traballamos Daniel Gallego e Anabel Pérez, a Secretaría Técnica e Equipo de Comunicación (si, equipo de dous) que nos encargamos de toda a parte máis organizativa. Todos compaxinamos o Pont-Up Store con outros posto de traballo e proxectos, pero temos que recoñecer que é un pouco o noso proxecto bebé e seguimos a súa evolución coma pais orgullosos. 

Contamos tamén cun Comité Organizador formado por representantes de emprendementos participantes no Pont-Up Store nas diferentes edicións, que nos axudan na toma de decisións (procesos de selección, estructura do evento, etc). 

Pont-Up Store
L.G – O obxectivo de Pont-Up Store e apoiar o emprendemento e incrementar a cultura emprendedora, como valorades o emprendemento galego? Que sinerxias tedes con outras entidades para unir esforzos? 

P.S – O emprendemento galego é unha forza en potencia. Nas edicións que levamos co Pont-Up Store en marcha atopámonos con multitude de valentes que, pese as adversidades, continúan no camiño de emprender. Institucións como a Xunta de Galicia ou os diferentes Concellos estanse implicando cada vez máis neste eido, o que potencia que cada vez sexan máis as persoas que se animan a apostar polos seus proxectos. 

Non vamos mentir, a COVID-19 deixounos un escenario complicado, pero os datos apoian a nosa teoría de que sairemos desta reforzados. 

En canto ás sinerxias con outras institucións, ademais das propias iniciativas da Universidade de Vigo, colaboramos con institucións como o Concello de Pontevedra, a Deputación de Pontevedra, o Consello Social ou Asociacións do emprendemento como Aje ou Aempe. 

L.G – Considerades que hai sectores nos que é máis doado emprender? 

P.S – Non particularmente. Si que hai sectores, como as novas tecnoloxías, nas que a inversión inicial se decides emprender é menor, pero ten outras complicacións, polo que non consideramos que haxa un sector en que emprender sexa máis doado. Depende moito do proxecto e tamén da persoa que está detrás. Emprender é unha carreira de fondo e tes que estar preparado para facer un sprint no momento indicado, e non sempre é doado. 

Emprender é unha carreira de fondo e tes que estar preparado para facer un sprint no momento indicado, e non sempre é doado.

L.G – Para quen dubide asistir, por que ir ao Pont-Up Store? Facemos un chamamento? 

P.S – A verdade é que todo o mundo nos di que o Pont-Up non se pode explicar, hai que vivilo. Levamos moitos anos tentando comunicar o evento o máis fielmente posible pero non conseguimos describir ás sensacións que se viven na carpa. Pode ser que sexa por mor da cantidade de sectores que se dan lugar na mesma carpa, ou porque nos gusta mesturalos de modo que xorden sinerxias de todo tipo, o que enriquece aínda máis a experiencia. Hai proxectos moi diferentes, innovadores, e pasear a carpa parécenos unha experiencia que pode gustar dende a un neno a un ancián. 

Ademais, o programa de actividades tamén contempla todo tipo de públicos, con actividades máis demostrativas como a elaboración de asubíos ou cabaliños de pau para nenos,ou cestas para adultos e tamén actividades máis técnicas, como palestras sobre emprendemento feminino, mulleres nas TICS ou sustentabilidade.

Pont-Up Store

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable: El titular del sitio.
  • Finalidad:  Moderar los comentarios.
  • Legitimación:  Por consentimiento del interesado.
  • Destinatarios y encargados de tratamiento:  No se ceden o comunican datos a terceros para prestar este servicio.
  • Derechos: Acceder, rectificar y suprimir los datos.