Lara Lozano, voluntaria en Amor Sin Barrera: “A vida é cuestión de perspectivas”

Falamos moito de emprendemento e na maioría dos casos enfocado a empresa, negocio. Pero hoxe traémosvos un novo enfoque de emprendemento no ámbito social, unha ONG, un proxecto que sen a colaboración non ten futuro. 

Lara Lozano, xornalista de formación e voluntaria en Amor sin Barreras, non coñecía o mundo do voluntariado ata que case por casualidade coincide con Ana Baz (País Vasco) e Alberto Ferreiro (Galicia). Ana, tras facer varios anos de voluntariado en orfanatos de Kenya, tivo a oportunidade de arrancar o proxecto dun centro infantil en Lokitaung, Turkana (Kenya), que coa colaboración de Aztívate, Olabide Ikastola e a solidariedade dos compañeiros e doazóns, a día de hoxe xa conta co presuposto para a construción do centro. 

Lara, quen fala coa nosa compañeira Leticia Río, é voluntaria na iniciativa.

lara lozano voluntaria
Leticia Río – Primeira experiencia de voluntariado, e no ámbito internacional aos 29 anos. Como decides embarcarte nesta aventura? 

Lara Lozano – Todo xurdiu pouco antes da corentena cando Ana Baz, a fundadora de Amor Sin Barreras, lle comentou a Alberto Ferreiro—que é o mentor da ONG e que é de Outeiro de Rei— se coñecía alguén para axudarlle en tema de redes e comunicación. E aí entrei eu botar unha man. Ana máis eu puxemos en marcha a web www.amorsinbarreras.com e démoslle unha volta ás redes para que todo o mundo coñecera o que fan e como o fan, con moita transparencia publicando tanto entradas coma saídas de diñeiro, coas súas correspondentes facturas. Iso foi o que me levou a involucrarme ata este punto que viaxamos a terreo.

L.R – En pleno confinamento é cando lle dades forma a todo o proxecto e ides tomando as grandes decisións. Como afectou a crise sanitaria a vosa idea?

L.L – A pandemia afectounos especialmente á hora de conseguir fondos e de preparar a viaxe pero tamén nos deixou máis tempo para dedicarlle. Imaxínate se antes era complicado, no medio dunha pandemia chegar ás empresas e particulares, que o estaban pasando mal, na procura de axuda. Recibimos moi boa resposta e na medida do posible fóronse involucrando, a día de hoxe contamos coa parte da construción cuberta que ascendía a 60.000 euros e a de xestión, cuxo primeiro obxectivo está nos tres anos, pois temos algo máis de ano e medio. A través do programa ‘Los 100 de Turkana’ buscamos a empresas e autónomos que fagan posible, cunha única doazón de 1.000 euros, a xestión do centro que estará en marcha en xaneiro de 2022.

lara lozano voluntaria
L.R – Nun proxecto coma este, altruista, a colaboración é a base do éxito, e o networking entendo que se converte na mellor ferramenta. Cales son os pasos a seguir?

L.L – A verdade é que o equipo de Amor Sin Barreras podemos dicir que é un bo exemplo de rede de colaboración; parte está en País Vasco onde naceu a ONG, parte en Galicia e tamén en Kenya. Cando as cousas saen do corazón e tes un obxectivo claro o demais vén só. No equipo contamos con Alberto Ferreiro, que é mentor, e foi quen foi marcando a folla de ruta. El foi quen deseñou o programa de ‘Los 100 de Turkana’ para que as empresas colaboraran e quen soubo reconducir cando viamos imposible chegar aos 60.000 euros da construción. Por outro lado, foi moi importante a colaboración dun centro educativo do País Vasco, Olabide Ikastola, quen está axudando na busca de empresas e particulares. Ao final creamos unha rede de axuda que, a través do compartir, fará posible que os nenos e nenas de Lokitaung teñan acceso á educación, alimentación e atención sanitaria nun lugar esquecido do mundo.

L.R – Dentro desa colaboración, tamén están os voluntarios que fan o día a día da entidade, ese equipo que se mantén pola ilusión. Que aspectos destacarías?

L.L – O importante é que todo o que se fai se fai en conxunto. Cada un ten as súas vidas e responsabilidades, pero para nós o proxecto creou un vínculo entre nós que xa é amizade. Aínda que Amor Sin Barreras nacera de Ana Baz, actualmente todo se xestiona como un equipo, somos unha gran familia que temos un soño que se está facendo realidade e miles de quilómetros de aquí.

L.R – Comentabamos que a burocracia é a parte máis complicada cando comezas un proxecto. Que consellos poderías dar a aquelas persoas que queiran iniciarse nun proxecto así?

L.L – Sen dúbida é o máis complicado, pois desde a formación da ONG ata agora desenvolver un proxecto así. Sempre o asesoramento por profesionais e doutras entidades que traballan en terreo para manter sempre a esencia do propio lugar e da xente que alí habita. Para isto foi de gran axuda a experiencia de Javier Corbo, presidente de Aztívate que é a contraparte local e que leva en terreo dez anos onde actualmente teñen unha clínica pediátrica. As súas vivencias e colaboración serviranos para non caer as veces que el e o seu equipo tivo que tomar decisións moi complicadas.

lara lozano voluntaria
L.R – Por último, cal é, en base a túa experiencia, a mensaxe que lanzarías para os que nos están a ler.

L.L – A mensaxe é clara: que saibamos compartir o que temos e que nos empapemos do que nos brindan o resto de persoas. Tratemos de escoitar máis, de dedicar tempo aos demais e non xulgar nin dar por suposto nada porque cada persoa ten unha vivencia interna, unha razón que o leva a actuar ou ser así. Lémbrome que levamos zapatos para os nenos e ao día seguinte apareceron sen eles… na súa esencia está ir descalzos e é unha forma de conexión coa terra; e nós emperrados en dar o que nos sobra, porque non damos o que temos… Ou como os nenos nunca se virán nun espello, e coas nosas fotos souberon que cara tiñan por vez primeira, ou que para eles eu ao ser tan branca estaba sucia, porque eles cando se manchan coa terra quedan brancos… A vida é cuestión de perspectivas, e tanto que si! 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Información básica sobre protección de datos Ver más

  • Responsable: El titular del sitio.
  • Finalidad:  Moderar los comentarios.
  • Legitimación:  Por consentimiento del interesado.
  • Destinatarios y encargados de tratamiento:  No se ceden o comunican datos a terceros para prestar este servicio.
  • Derechos: Acceder, rectificar y suprimir los datos.